
SPRINT MOTOR é unha publicación integramente escrita en galego que intenta reflecti-la realidade do motor tanto da competición coma do sector comercial de Galicia e máis detalladamente da área metropolitana de Santiago de Compostela.
Esta publicación naceu o ano 1995 recollendo as inquietudes dun grupo de xornalistas afeccionados ó motor convencidos da necesidade de ter un medio que se expresase na lingua galega e que recollese aspectos e contidos que xeralmente non eran divulgados por outras revistas ou xornais de carácter nacional e incluso autonómico.
Ó longo deste período foron moitas e moitos os colaboradores que mes a mes foron construíndo este puñado de páxinas que xa son historia do xornalismo especializado desta terra.
A partir de xaneiro do 2005 SPRINT MOTOR empezou a introducir a cor nas súas páxinas despois de preto de 100 números imprimindo en escala de grises. Este fito foi moi ben valorado por todos os actores implicados, sabedores do grande esforzo que isto nos supuxo como editores.
En outubro do ano 2009 dimos un salto cualitativo e de calidade moi importante, SPRINT MOTOR comezou unha nova andaina en formato A4. Ou sexa, no que se coñece como formato revista.
Agardamos que esta década que estamos a vivir vexa a culminación e consolidación de SPRINT MOTOR, que empezou sendo un pequeno proxecto para converterse nunha gran realidade.
|
Crise, produción, vendas, confusión, cifras, vehículos… todos perdemos
|
As diferentes administacións públicas españolas deixaron de ingresar a nada desprezable cifra, máis como están as cousas, de 450 millóns de euros polo descenso de matriculacións no mercado nacional o ano pasado. Estímase que por cada 100.000 automóbiles máis de venda, se producen uns ingresos fiscais de 320 millóns de euros, sen contar os impostos posteriores de utilización por carburantes, peaxes, aparcadoiros públicos e ORA, entre outros.
Un dos efectos da baixada de vendas é o descenso da produción. Hai que ter en conta que o noso país é un gran produtor de vehículos, con distintas fábricas ao longo do seu territorio. O balance dos dous primeiros meses deste ano, son dos últimos dos que hai resultados oficiais, é realmente frustrante. Os turismos caeron un 11,3% e os industriais un 12,8%, aínda que houbo unha suba en todoterreos do 53,7% (a excepción que confirma a regra). No mesmo período tamén se derrubaron as exportacións do sector, que arroxaron un saldo negativo do 14,41%. En xeral, febreiro foi un mes peor ca xaneiro, comparando as cifras dos dous últimos anos.
Por outra banda, Germán López Madrid, presidente de Aniacam, a patronal das empresas de importación de automóbiles, calcula nuns 6.000 os postos de traballo que poderían perderse durante este ano na rede de distribución, no caso de que as vendas se manteñan no actual nivel. A crise está afectando moi seriamente aos concesionarios. Calcúlase que unhas 3.000 destas pequenas e medianas empresas poderían verse abocadas ao peche.
O ministro do Interior achegou o seu gran de area para aumentar o noso desconcerto. Desta volta dende o punto de vista da seguridade viaria. Fernández Díaz puxo de manifesto a necesidade de que se anove o parque automobilístico nacional. Para abundar neste discurso da confusión, abriu o debate sobre a conveniencia de incrementar os actuais e obsoletos límites de velocidade que sofren os condutores españois. Os colectivos ecoloxistas responderon a isto último rapidamente. A máis velocidade, máis consumo e, xa que logo, máis contaminación.
Xuntando un pouco as opinións vertidas polos anteriores personaxes, Mario Armero, voceiro de Anfac, segue insistindo na importancia económica do sector do motor no noso país, que representa un dez por cento do PIB e un vinte por cento das exportacións. Segue utilizando o argumento da necesaria renovación do parque automobilístico, sobre todo, se temos en conta que un 44 por cento dos automóbiles españois teñen máis de 10 anos de antigüidade, para conseguir axudas á adquisición de coches novos.
Temos que introducir dous factores máis neste popurrí: os eléctricos e os carburantes. Dous temas tamén moi complicados. Os eléctricos ata o momento só foron un fiasco. A partida orzamentaria que había para axudas o ano pasado quedou practicamente enteira, sen usar. As vendas reducíronse a algo meramente anecdótico para as expectativas que se xeraron. Queda percorrido, pero na actualidade aos eléctricos aínda lles falta moita carga, co que isto representa para os fabricantes. Os investimentos que realizaron tardarán en dar bos resultados económicos.
Rematamos este panorama cos combustibles. Un produto que vai en subida libre, máis coa incógnita aberta do que poida repercutir a nacionalización de Repsol-YPF en Arxentina. Vaian enchendo o depósito mentres poidan.
Estes parágrafos anteriores xeran un panorama de confusión que fai moi difícil ver o que nos poden deparar os meses vindeiros. Todas as especulacións están abertas.
|
|