SPRINT MOTOR é unha publicación integramente escrita en galego que intenta reflecti-la realidade do motor tanto da competición coma do sector comercial de Galicia e máis detalladamente da área metropolitana de Santiago de Compostela.
Esta publicación naceu o ano 1995 recollendo as inquietudes dun grupo de xornalistas afeccionados ó motor convencidos da necesidade de ter un medio que se expresase na lingua galega e que recollese aspectos e contidos que xeralmente non eran divulgados por outras revistas ou xornais de carácter nacional e incluso autonómico.
Ó longo deste período foron moitas e moitos os colaboradores que mes a mes foron construíndo este puñado de páxinas que xa son historia do xornalismo especializado desta terra.
A partir de xaneiro do 2005 SPRINT MOTOR empezou a introducir a cor nas súas páxinas despois de preto de 100 números imprimindo en escala de grises. Este fito foi moi ben valorado por todos os actores implicados, sabedores do grande esforzo que isto nos supuxo como editores.
En outubro do ano 2009 dimos un salto cualitativo e de calidade moi importante, SPRINT MOTOR comezou unha nova andaina en formato A4. Ou sexa, no que se coñece como formato revista.
Agardamos que esta década que estamos a vivir vexa a culminación e consolidación de SPRINT MOTOR, que empezou sendo un pequeno proxecto para converterse nunha gran realidade.

O labirinto dos fabricantes e os concesionarios de automóbiles


A maioría dos expertos en economía cren que a suba do IRPF afectará negativamente ás vendas dos automóbiles, un sector severamente castigado pola crise. Os que peor parados, entre os actores do sector da automoción, van saír dela son os concesionarios. Segundo os seus cálculos, van desaparecer unhas 500 empresas e perderanse preto de 50.000 postos de traballo. Así e todo hai un par de opinións importantes, a da Asociación Nacional de Fabricantes de Automóbiles e Camións (ANFAC) que agarda que este ano as vendas sexan aínda inferiores ás do 2011, cunha caída entre o 1% e o 2%, menos de 800.000 coches fronte a 806.000 do ano pasado; e a de FACONAUTO, a entidade que representa aos concesionarios do noso país, onde están convencidos de que “Se tocou solo e non se pode caer máis baixo”.
Todos os actores movéronse fortemente durante a pasada campaña electoral para colocar as súas pezas fronte ao novo goberno saído das urnas. Algúns, como é o caso de ANFAC, non só propuxeron un decálogo de medidas coas que se podería facer fronte á crise, senón que elaboraron todo un plan estratéxico de renovación da propia asociación que xa comezou co nomeamento dun novo vicepresidente, Mario Armero, que está chamado a dar a cara dunha nova e reforzada asociación que non agocha as súas intencións e a súa vocación de lobby. Armero será o encargado de “poñer en valor a excelencia empresarial baixo unha visión longopracista”.
O ministro de Industria, José Manuel Soria, vaino ter complicado. Os fabricantes e concesionarios queren aproveitar as circunstancias que se van dar co novo ciclo político para trasladar as súas inquedanzas e o desexo de contribuír ao crecemento do país. Así, o presidente de FACONAUTO preguntábase cantos automóbiles se terían vendido se se destinase a un plan de achatarramento os cartos dedicados ao fomento e ao desenvolvemento do coche eléctrico, do que apenas se venderon 300 unidades (menos dunha ducia a particulares).
Agora queda por diante un ano que se prevé dunha gran dureza para este sector, sobre todo o primeiro semestre. O novo goberno terá que tomar medidas urxentes para mellorar o sector. Diminuír a carga impositiva, un plan de achatarramento con bonificacións aos compradores e unha normativa laboral máis flexible poden ser claves para mellorar os datos de vendas e parar a sangría de perda de postos de traballo no sector da automoción. Os primeiros pasos terán que ser dados con rapidez para que melloren as vendas de automóbiles. Non está fácil.



Número 179 (1-12)

Número 178 (12-11)
Número 177 (11-11)


INICIO | ARQUIVO | SOBRE NOS | ENLACES


© Sprint Motor